Sunday 19 de May de 2024

UNHA CAMPAÑA DE XUNTA E CONCELLO DE ARTEIXO ACHEGOU A RECOLLIDA SELECTIVA DA MATERIA ORGÁNICA A MÁIS DE 12.000 FOGARES E EMPRESAS


O municipio coruñés foi escollido para levar a cabo un dos proxectos demostrativos impulsados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nos últimos meses para contribuír á mellora da xestión do lixo urbano
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Arteixo acaban de rematar unha intensa campaña de información e sensibilización dirixida a cidadáns e grandes xeradores do municipio co obxectivo de mellorar a calidade da separación e da recollida selectiva dos residuos domésticos en xeral, e da fracción orgánica en particular.

Todas as accións desenvolvéronse entre o 23 e o 28 de decembro, e permitiron chegar a máis de 12.200 vivendas e establecementos comerciais do municipio coruñés. Ademais, serviron para continuar e complementar a campaña informativa que se puxo en marcha neste mesmo concello a finais de outubro dirixida a grandes produtores de residuos orgánicos (comedores de empresa do Polígono Industrial de Sabón, establecementos do sector hostaleiro, entre outros), como paso previo para a implantación dun programa piloto de recollida porta a porta da fracción orgánica neste sector.

Entre as accións máis salientables que se levaron a cabo durante a campaña de decembro cómpre citar a instalación dun punto informativo na rúa que permitiu achegar información aos veciños así como recoller as súas suxestións para mellorar o actual sistema de xestión de residuos implantado no Concello. Os técnicos tamén impartiron obradoiros aos nenos que se achegaron ata o stand, para ilustralos sobre a necesidade de separar axeitadamente os restos orgánicos que se xeran nas súas casas co fin de obter compost de calidade.

Así mesmo, repartíronse bolsas compostables de balde á cidadanía e empresas do concello e fixéronse enquisas nas que os informadores ambientais a cargo da campaña recolleron información sobre os seus hábitos de separación de residuos, o emprego da compostaxe doméstica para a fracción orgánica ou o seu nivel de satisfacción co sistema actual.

Proxecto piloto cos grandes xeradores de fracción orgánica
En canto á campaña informativa desenvolvida nos últimos meses en Arteixo entre os grandes produtores potenciais de materia orgánica, a información recollida no marco das visitas realizadas serviu de base para elaborar un estudo técnico-económico, paso previo á implantación da recollida porta a porta desta fracción nun sector que, cómpre lembrar, ten un peso significativo sobre o total dos residuos que se xeran a nivel municipal.

Deste xeito, o Concello poderá ter en consideración esta información de cara á posta en marcha das melloras en materia de xestión dos residuos urbanos municipais que ten previstas dentro do seu ámbito competencial.

Os grandes produtores de residuos orgánicos que se sumen ao programa piloto en Arteixo recibirán de balde os materiais necesarios para realizar unha correcta separación desta fracción. Os residuos serán recollidos polo servizo municipal na porta de cada produtor e posteriormente, transportaranos á planta de compostaxe de Sogama, onde se transformarán en compost, un fertilizante natural de gran calidade. Ademais, a cada participante na campaña faráselle entrega dun distintivo que o identificará como produtor responsable, un símbolo do compromiso ambiental adquirido ao adherirse voluntariamente a esta iniciativa.

Desenvolvemento do PXRUG
Cómpre lembrar que Arteixo foi un dos concellos escollidos o ano pasado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, para poñer en marcha distintos tipos de actuacións e proxectos demostrativos para a mellora da xestión dos residuos urbanos. Todas estas accións enmárcanse no desenvolvemento das liñas estratéxicas do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022) e están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020.

Agárdase que grazas ás campañas informativas e a proxectos demostrativos como os desenvolvidos en Arteixo, melloren os resultados de recollida selectiva e reciclaxe en todos os concellos participantes, permitíndolles avanzar no cumprimento do obxectivo de reciclar en 2025 o 55% do total dos residuos producidos, marcado pola recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

Ademais, estas medidas tamén van en liña cos principios básicos da economía circular que aposta por superar o actual modelo económico e de produción lineal, posto que coa recollida separada e a reciclaxe dos biorresiduos contribúese a pechar o ciclo da materia orgánica, transformando os restos de comida e de vexetais nun novo produto de calidade: o compost.